Asine a Declaración da Coalición Stop UE- Mercosur

Asine a Declaración da Coalición Stop UE- Mercosur

Imaxe tomada de https://www.laizquierdadiario.com

Por persoas, organizacións, asembleas e comunidades | Xaneiro 2021

As organizacións que asinamos esta declaración facemos un chamamento ás e aos dirixentes políticos de ambos os lados do Atlántico para que deteñan o acordo de libre comercio entre a Unión Europea e Mercosur.

O acordo UE- Mercosur é parte dun modelo comercial obsoleto, típico do século XX, que fracasou: un modelo que serve aos intereses corporativos a expensas dos límites planetarios, do benestar animal e promovendo as desigualdades sociais. Os obxectivos e elementos centrais deste acordo van en contra da acción climática, a soberanía alimentaria e a defensa dos dereitos humanos e o medio ambiente. Este acordo incentivará aínda máis a destrución e o colapso da biodiversidade do Amazonas, o Cerrado e o Gran Chaco a través do incremento das cotas de gando e etanol, perpetuando un modelo de agricultura extractiva, exemplificado polo sobrepastoreo, a expansión da industria gandeira intensiva con cebadeiros para as reses e os monocultivos dependentes de pesticidas químicos. Todo isto son sinais políticas de que o acordo lexitima as violacións de dereitos humanos relacionadas coas cadeas de produción e subministración. O acordo UE- Mercosur destruirá os medios de vida do campesiñado e as pequenas explotacións agrícolas familiares en Europa e América Latina. Ao intercambiar produtos agrícolas por automóbiles que contaminan, o Acordo supón unha ameaza inminente para os empregos no sector industrial nos países de Mercosur. Perpetúase, así, un modelo de dependencia onde as economías suramericanas son as exportadoras de materias primas baratas obtidas mediante a destrución de recursos naturais vitais, en lugar de fomentar o desenvolvemento de economías sólidas, diversificadas e sostibles.

Para que o futuro sexa viable e sostible, o modelo de políticas comerciais do século XXI debe apoiar, en lugar de socavar, os esforzos para promover sociedades socialmente xustas e ecoloxicamente resilientes baseadas nos principios de solidariedade, protección dos dereitos humanos e respecto polos límites planetarios. A cidadanía de Europa e América do Sur están a se unir en contra do acordo entre a UE e Mercosur e traballando para lograr un futuro mellor.

Nós, as organizacións asinantes, somos parte do movemento que esixe aos gobernos que deteñan o acordo UE- Mercosur.

ASINE A DECLARACIÓN AQUÍ.

Fonte: Seattle to Brussels Network

Comments are closed