Galicia, entre as comunidades con máis concellos opostos ao TTIP
Marcos Pérez Pena
Case dous mil concellos e entidades locais de toda a Unión Europea posicionáronse nos últimos meses contra o TTIP. Algo máis de 160 están en España e delas unha de cada dez son galegas. Un total de 16 concellos galegos aprobaron mocións rexeitando o tratado de libre comercio UE-EE.UU, unha cifra só superada por Cataluña (máis de 40) e a Comunidade Valenciana (ao redor de 30) e á altura de Andalucía que se achega ás 20.
As últimas mocións foron aprobadas en Rianxo (9 de maio), Manzaneda e Allariz (a finais de abril), que se uniron a Ames, Nigrán, Narón, Gondomar, Santiago de Compostela, Pontevedra, O Barco de Valdeorras, Lugo, Ponteareas, Ribadavia, Baños de Molgas, Entrimo e Barbadás. Pola contra, as mocións foron rexeitadas polos plenos municipais de sete localidades: A Coruña, O Carballiño, Monterrei, Taboadela, Xinzo de Limia, Ourense e Vilar de Barrio. Chama a atención, nomeadamente, a actividade nas vilas ourensás, con sete mocións aprobadas (tantas como en Baleares ou Asturias), ademais doutras seis que foron presentadas que que non acadaron unha maioría suficiente.
Segundo a Plataforma Cidadá de Ourense Non ao TTIP, estes datos demostran que “a medida que se vai coñecendo máis información sobre estes tratados, a preocupación por parte da cidadanía vai sendo crecente”
Segundo a Plataforma Cidadá de Ourense Non ao TTIP, estes datos demostran que “a medida que se vai coñecendo máis información sobre estes tratados, a preocupación por parte da cidadanía vai sendo crecente, en especial na nosa provincia, pola grave deterioración que suporían para a agricultura, a gandería, o sector alimentario e, de maneira xeral, para todo o tecido de pequenas e medianas empresas, que son a base da nosa economía e o noso medio de vida”. O vindeiro xoves 19 o Ateneo de Ourense acollerá a charla “TTIP-CETA: O espolio do rural Galego”, na que participará a eurodeputada de AGEe Lidia Senra.
As propostas que se están a presentar nos concellos galegos empregan un modelo de moción que destaca que o tratado “pon en perigo todos os servizos e compras públicas, en todos os niveis de poder, e compromete a habilidade dos representantes elixidos para administrar libremente as súas comunidades, así como promocionar a industria, emprego e iniciativas locais” e pide declarar o municipio “oposto” ao Acordo. Así mesmo, solicítalle ao Ministerio de Economía “a suspensión das negociacións do TTIP e outros acordos comerciais similares como o TISA”, así coma a non ratificación do CETA (acordo de libre comercio con Canadá). Fai fincapé, igualmente, na necesidade de eliminar “mecanismos como o ISDS, o ICS ou similares”, é dicir, os tribunais privados de arbitraxe de conflitos entre empresas privadas e Estados que prevén estes acordos de liberalización. Ademais, as mocións engaden a petición da “derrogación inmediata con carácter retroactivo da Lei de Racionalización e Sostenibilidade da Administración Local” e incrementar a información e a transparencia sobre as negociacións do TTIP.
Os textos foron presentados por diversas forzas, dende as mareas locais (Nigrán Decide, Gondomar Concello Aberto, Compostela Aberta, Marea Pontevedra, Riada Cidadá, Ribeiro en Común, Son de Manzaneda, Rianxo en Común…), coma por Esquerda Unida (Narón, Ponteareas), o BNG (Lugo), por unha iniciativa popular (Allariz), polo PSdeG-PSOE (Entrimo) ou polo PSdeG e o BNG conxuntamente (Barbadás). O PP opúxose en case todos os casos (en Nigrán ou Baños de Molgas abstívose), mentres que Democracia Ourensana abstívose en Barbadás e Ourense. Chama a atención o posicionamento amosado polo PSOE ante textos iguais ou practicamente idénticos, que varía dende o voto a favor amosado en Nigrán, Gondomar, O Barco, Ribadavia, Barbadás, Taboadela, Allariz, Manzaneda ou Vilar de Barrio; á abstención de Rianxo, Ourense, O Carballiño, Ponteareas, Pontevedra, Santiago ou Narón; ao voto contrario que exerceron en Baños de Molgas ou A Coruña.
Chama a atención o moi diferente posicionamento amosado polo PSOE en cada Concello ante textos iguais ou practicamente idénticos
Aínda que un bo número de concellos galegos aprobaron estas mocións, os debates aínda non chegaron ás deputacións provinciais ou ao Parlamento autonómico, como si sucedeu noutros territorios do Estado. Así, Andalucía, Aragón, Canarias (parcialmente), Cantabria, Baleares e Navarra aprobaron proposicións semellantes, o mesmo que a Deputación provincial
Fonte: http://praza.gal