Greenpeace advirte que o tratado TISA poñería en perigo a protección de datos

greenpeace-p

Novas filtracións informan que as leis de protección de datos non deben supoñer unha “barreira para o comercio”.

Greenpeace Holanda volve publicar filtracións sobre o tratado TISA. Se hai pouco máis dun mes a ONG mostraba que o TISA, “do mesmo xeito que outros acordos comerciais, inclúe medidas que restrinxen a capacidade de decisión dos responsables políticos á hora de poñer en práctica o acordo sobre o clima de París”, esta vez informa sobre o risco que a aprobación deste tratado podería provocar na protección de datos da UE.

Segundo a nova filtración de documentos internos do Acordo sobre Liberalización de Servizos (TISA), as negociacións que se produciron o pasado mes de setembro supuxeron cambios transcendentais no tratado. Entre eles, asuntos tan importantes como que as leis de protección de datos de cada país non deben supoñer unha “discriminación inxustificable” ou unha “barreira para o comercio”.

“A transparencia do TISA é asimétrica e favorece ás grandes multinacionais que teñen recursos e capacidade económica. Corporacións como Google ou Facebook, cuxo negocio está baseado no emprego de datos persoais, gañarían moita máis influencia tras este acordo”, denuncia Greenpeace Holanda.

De feito, xunto aos 40 países que están a negociar este tratado están algunhas das corporacións máis grandes do mundo, como IBM, Walmart, Citigroup, MetLife, UPS e Liberty Mutual, que forman todas elas parte do Team TISA, un grupo de corporacións que teñen como obxectivo impulsar o acordo mediante o establecemento dun diálogo construtivo con autoridades norteamericanas e doutros países para proverlles de información relativa á importancia dos servizos na economía mundial.

A organización Global Justice Now advertiu que o TISA afectaría directamente á regulación económica e ao control xurídico das Administracións públicas, deixando ás grandes multinacionais coa última palabra sobre áreas tan importantes como a saúde, a educación ou os servizos básicos. Segundo informa esa organización, a aprobación do tratado xeraría consecuencias dramáticas para un sistema social, que en palabras inscritas nun informe interno pasaría a ser o “salvaxe oeste legal”.

Fonte: El Boletín

Comments are closed