O CETA ou o labirinto xurídico do “libre comercio”

Por Juan Hernández Zubizarreta e Pedro Ramiro*, 20-1-17

Juan Hernández Zubizarreta e Pedro Ramiro analizan a lóxica xurídica de feudalización do ordenamento normativo global sobre a que se asenta o Acordo Económico e Comercial Global. Este sábado están convocadas novas manifestacións.

01-Shipcontainer-CMYK-e1425052790504-680x365

O conxunto de tratados e acordos de comercio e investimentos que invaden todo o planeta responde a unha lóxica xurídica de feudalización do ordenamento normativo global. Este ordenamento feudal quebra e reinterpreta os principios clásicos do Estado de Dereito e articúlase por medio da privatización do poder lexislativo e xudicial. Así, os espazos públicos de regulación subordínanse aos espazos privados que vulneran os dereitos das maiorías sociais e dos pobos. Todo iso, en favor dos intereses do capital, das clases dominantes e dos gobernos cómplices. O Acordo Económico e Comercial Global (CETA, polas súas siglas en inglés), negociado entre a Unión Europea e Canadá e actualmente pendente de ser ratificado polo Parlamento Europeo —votación que terá lugar o 14 de febreiro en Estrasburgo—, participa desta lóxica. Vexamos como.

Quebra das institucións democráticas. A globalización neoliberal impulsou o papel das institucións público-privadas de carácter supranacional —como o Fondo Monetario Internacional (FMI), o Banco Mundial, a Organización Mundial do Comercio (OMC), o G8 primeiro e o G20 despois, as axencias de cualificación de riscos, etc.— e dos instrumentos xurídicos que reforzan a lex mercatoria, como os acordos de investimento e os tratados comerciais —chamados habitualmente de “libre comercio”, aínda que non teñan nada que ver cun intercambio libre entre partes iguais—, que foron creando un entramado institucional e un conxunto de normas xurídicas máis privadas que públicas. Coas súas propias lóxicas de funcionamento pero con efectos erga omnes, é dicir, sobre as maiorías sociais do planeta. Deste xeito, as poboacións campesiñas de Senegal, Bolivia ou India están máis condicionadas polas directrices que aproban estas organizacións que polas leis que aproban os seus parlamentos nacionais. E non estamos a falar de que exista un goberno universal ou unha globalización xurídica, falamos dun Dereito Corporativo Global ao servizo dos intereses do capital e os negocios das grandes corporacións. O CETA enmárcase neste contexto.

Falta de lexitimidade e transparencia. O segredo e a opacidade son elementos constituíntes dos tratados e acordos mencionados, forman parte do seu metabolismo funcional. E é que as normas de comercio e investimento elabóranse fóra do control parlamentario e da cidadanía. Case nunca son coñecidos os negociadores concretos, os criterios utilizados, as decisións adoptadas… mentres se envolve o procedemento de valoracións técnicas que “precisan da confianza” e “discreción entre as partes negociadoras”; tómanse decisións á marxe dos procedementos parlamentarios e ás costas da sociedade civil, secuestrando os textos en discusión mesmo aos representantes públicos. Os lobbies que representan ás empresas transnacionais e aos intereses das clases dominantes, iso si, forman parte do “poder lexislativo” do que emanan os tratados e os acordos de comercio e investimentos. No caso do CETA, as negociacións desenvolvéronse a porta pechada e o texto quedou pechado e listo, sen ningún debate público, para o seu consentimento polas autoridades correspondentes.

Procedementos de diferentes velocidades. Na súa primeira fase de aprobación, no pasado outono, o Consello Europeo tivo moitas dificultades para conseguir a unanimidade en relación ao CETA —cunha presión brutal sobre Valonia—; á vez, no parlamento español eludíase o debate e o goberno en funcións ratificábao de maneira case clandestina. Nesta segunda fase, é o Parlamento Europeo o encargado de ratificar o CETA en febreiro. Así, a maquinaria burocrática púxose en marcha e todas as interpretacións máis restritivas e antidemocráticas dos procedementos parlamentarios están a porse encima da mesa. A moción cuxo contido residía en que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea analizase a legalidade do Sistema de Tribunais de Investimento foi rexeitada, sen debate algún, polo pleno do Parlamento Europeo. Loxicamente, non queren que se expoñan as múltiples razóns que xuristas, maxistrados e asociacións de xuíces sosteñen fronte á falta de adecuación do modelo de tribunais de arbitraxe ao sistema xudicial europeo. E mentres a UE ten moita présa e xa prevé a aprobación provisional do CETA unha vez sexa admitido polo Parlamento Europeo, incluíndo materias que entrarán en vigor antes da ratificación do conxunto dos Estados membros da Unión, os dereitos humanos empantánanse en procedementos longos e repletos de burocracia sen límite.

Exceso de normas xurídicas. Segundo publica a Comisión Europea, o CETA consta de máis de 1.600 páxinas entre o texto central e os anexos, mentres os Principios Reitores sobre Empresas e Dereitos Humanos da ONU —coñecidos como Principios Ruggie, que terían que servir para “protexer, respectar e remediar” os dereitos humanos polas empresas transnacionais— teñen 32 páxinas. Miles de normas para defender o comercio, os investimentos e os dereitos das transnacionais fronte a uns cantos apartados para regular, de maneira voluntaria e sen esixibilidade xurídica, as súas obrigacións; unha asimetría xurídica que se consolida como o principio esencial da globalización neoliberal. No caso concreto do CETA, como tendencia xeral, a precisión e a claridade conceptual desde o punto de vista dos negocios das grandes compañías choca coa indeterminación das excepcións que garanten os servizos públicos ou os dereitos sociais; de novo, unha asimetría continua e profunda. E, a pesar de que as dúbidas ao redor deste acordo tentáronse liquidar formalmente por medio dunha Declaración interpretativa de 12 páxinas de carácter vinculante, esta non aclara a maioría das cláusulas abertas que forman parte do que denominamos Dereito vivo.

Privatización do poder lexislativo. Con todos estes tratados e acordos comerciais de última xeración avánzase na privatización dos procedementos lexislativos: as empresas transnacionais introdúcense nos procesos normativos e penetran no marco regulatorio aberto a fórmulas de cooperación reguladora e xeradora de coescritura de lexislación; fenómeno coñecido na elaboración das denominadas normas tipo. Dito doutro xeito: ademais do seu poder fáctico, os lobbies terán presenza directa ou indirecta na propia elaboración das normas. E é que o Comité Mixto do CETA asumirá importantes competencias reguladoras e interpretativas —do mesmo xeito que o Consello de Regulación do TTIP—, afastándose de todo o que teña que ver co control parlamentario e cidadán. Configúrase, así pois, un Dereito vivo en continua reelaboración a favor do capital e as empresas transnacionais: a alerta temperá, as avaliacións de impacto, o intercambio de materias de regulación, o diálogo permanente entre as partes, os exames conxuntos de lexislación para alixeirar as cargas normativas sobre as empresas, a neutralidade das regulacións, a converxencia reguladora, o mutuo recoñecemento de regulamentacións, a armonización normativa… son técnicas xurídicas que permiten construír un poder meta-lexislativo que creba a separación de poderes e reconstrúea a favor das grandes multinacionais.

Privatización do poder xudicial. O Sistema de Tribunais de Investimento recollido no CETA é un sistema paralelo ao poder xudicial —trátase de tribunais privados— e favorable ás empresas transnacionais, que quedan á marxe dos poderes xudiciais nacionais, comunitarios e internacionais. Na citada Declaración interpretativa dedícase o epígrafe máis extenso á defensa do polémico Sistema de Tribunais de Investimento; no entanto, os eixos centrais do sistema mantéñense. Ademais, tal e como Cecilia Olivet e outras autoras analizaron, as supostas melloras quedan cuestionadas polas diferentes interpretacións en relación coa eficacia dos laudos arbitrais, as posibles excepcións que sirvan para “protexer a vida ou a saúde humana”, as reservas específicas presentes e futuras por parte dos Estados, etc. Por certo, resulta moi sorprendente o apartado f) da Declaración, xa que insiste en que os tribunais sobre investimentos son independentes, imparciais e inspirados nos sistemas xudiciais públicos da UE, os seus Estados membros e Canadá, así como nos tribunais internacionais como a Corte Internacional de Xustiza e o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. As preguntas, entón, son obrigadas: para que se crean estes tribunais? Por que non se encarga este labor aos poderes xudiciais xa existentes?

Armadura xurídica de dominación. Desde unha perspectiva normativa, o capital conseguiu dos distintos Estados e institucións globais reformas dirixidas a garantir a liberdade absoluta de capitais e converter en principio xurídico universal a suposta estabilidade financeira. Dislócase así a xerarquía normativa internacional, ao situar os dereitos empresariais por encima do Dereito Internacional dos Dereitos Humanos e dos principios constitucionais. Na Unión Europea, xunto a iso, ao CETA e ao resto de tratados e acordos de comercio e investimentos hai que sumarlles o Pacto de Estabilidade e Crecemento; o Tratado de Estabilidade, Coordinación e Gobernanza; o Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE); o programa de estabilidade e converxencia, os procedementos de déficit excesivo, os sucesivos rescates, as recomendacións por país… Todo iso conforma unha nova armadura xurídica de dominación. Por iso é polo que os movementos sociais europeos enfróntanse, “por arriba”, coa decisión de aprobar o TTIP, o CETA e outros novos tratados e acordos de comercio e investimentos e, “por abaixo”, cunha blindaxe xurídica onde os intereses do capital se xuridifican ao máis alto nivel. Por iso mobilizarémonos o sábado 21 de xaneiro, para provocar que o CETA descarrile e facer que o TTIP quede definitivamente enterrado.

Fonte: La Marea

Comments are closed