Por que o chaman tratado comercial cando queren dicir asalto á democracia

Maite Serrano Oñate

“O TTIP e o CETA conlevarán cambios, en moitas ocasións, en contradición co noso propio sistema constitucional, con leis internacionais asinadas polo noso país e dereitos que son resultado de anos de loitas sociais”.

nonaottiptexto13

Protesta contra o TTIP en Madrid. Álvaro Minguito / DISO Press

“Cambiáronse os principios democráticos polas leis do mercado”.
Federico Maior Zaragoza

Un xigante das finanzas globais como JP Morgan Chase suxeriu aos gobernos europeos -nun documento datado o 28 de maio de 2013- que se liberasen das “Constitucións adoptadas tras a caída do fascismo que presentan unha serie de características contrarias a favorecer unha maior integración europea”. Estes días escribiuse moito sobre o Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos (TTIP, polas súas siglas en inglés) e sobre o Acordo Integral de Economía e Comercio entre a UE e Canadá (CETA). Sindicatos, organizacións sociais, ecoloxistas, feministas, de desenvolvemento, activistas de base, mareas, asociacións de todo tipo e algúns partidos políticos coincidimos no rexeitamento a uns acordos que ameazan con acabar con dereitos fundamentais relacionados co traballo, a alimentación, a saúde, a educación, a defensa do medio ambiente e, sobre todo, a democracia.

A aprobación destes tratados vai significar algo máis que eliminar as barreiras comerciais. O primeiro paso destes tratados 2.0 é a equiparación normativa a ambos os dous lados do Atlántico, máis que probablemente á baixa, para acabar coa regulación que nos permite decidir sobre o que comemos, como o producimos, cal é o marco dos dereitos laborais, como xestionamos a sanidade ou a educación pública como parte dos bens comúns, ou como preservamos o medio ambiente. Son cambios que entrarán, en moitas ocasións, en contradición co noso propio sistema constitucional, con leis internacionais asinadas polo noso país, e dereitos que son resultado de anos de loitas sociais. O segundo paso, máis alarmante si cabe, é a creación dun sistema privado de arbitraxe de investimentos, á marxe do sistema xudicial de cada país, que pode cambiar calquera lexislación que consideren daniña para os intereses das empresas privadas, mesmo para as súas expectativas de beneficio. Tal cal.

Ante a opacidade, vixilancia e participación

Estamos ante unha deriva democrática que eleva cara ao infinito, e máis aló, a toma de decisións sobre aspectos que afectan directamente á vida das persoas. Acordos que, como por encantamento, son negociados na sala privada de espazos, sen xanelas, sen micrófonos, sen ollos, sen aire… Apróbanse, no seo da Comisión Europea, por persoas que non responden ante ninguén, nin sequera ante o Parlamento Europeo. Unha opacidade que se parapeta ante a cidadanía –que coñece os detalles grazas a filtracións – mentres se ispe ante os lobbies das grades empresas transnacionais, que foron convocados ao 90% das consultas que se levaron a cabo.

Contaba David Meslin nunha charla que a apatía da poboación non se debe a que a xente sexa vaga ou parva, senón que é principalmente unha consecuencia lóxica dos obstáculos que se levantan contra a participación cidadá en todos os niveis. Meslin denuncia a ausencia de canles claras e amigables que faciliten a participación nos procesos de consultas. Pon como exemplo a ausencia de explicacións sobre os plans urbanísticos das cidades ou a falta de información práctica, por parte dos medios supostamente de comunicación social, para que calquera poida sumarse a iniciativas sociais e políticas. Algunhas destas barreiras son deliberadas e debemos ser conscientes diso. No caso do TTIP, non contentos con que o proceso negociador sexa ultrasecreto, entre os criterios que definía como se ían a desenvolver as negociacións, atopábase un moi curioso: había que redactar o acordo con termos complexos, técnicos e o máis enrevesados posibles para afastar o contido do interese dos mortais e do debate político. Unha clara construción das barreiras que sinala Meslin.

Fronte a deriva autoritaria e tecnocrática, e o afastamento dos centros de toma de decisións dos parlamentos e os pobos non cabe renderse. Hai que lograr frear a aprobación do TTIP porque supón unha ameaza para as persoas e o medio ambiente, pero tamén para a democracia. Pero non basta con iso, hai que ir incluso máis aló. Hai que reconstruír un sistema democrático desde a base, no que o público estea sometido ao control social. Só o control da cidadanía pode contrarrestar o poder das elites financeiras cuxo acceso directo aos centros de decisión orienta cada vez máis a política a favor dos seus intereses e contra a gran maioría da humanidade. Poucos con diñeiro pretenden dominar a moitos cos votos: a principal tarefa democrática consiste en romper (ou polo menos limitar) a vinculación entre diñeiro e poder.

Necesitamos mecanismos de transparencia e participación que revirtan o deterioramento da democracia e afonden nas súas raíces recuperando o poder da xente para decidir sobre unha vida que mereza a pena ser vivida. Só unha mobilización social forte e sostida no tempo contra a pobreza e a desigualdade que xeran estes tratados pode lograr frear o TTIP e o CETA. As mobilizacións do sábado 15 son un fito importante deste outono en resistencia. Non faltes! Está en xogo a democracia, están en xogo os nosos dereitos.
As mobilizacións poden ser consultadas aquí.

Maite Serrano Oñate é directora da Coordinadora de ONG para o Desenvolvemento.

Fonte: http://www.lamarea.com

Comments are closed