A Comisión de Emprego do PE vota NON ao CETA!

CzJDSCNUcAAHs6h.jpg-large

A comisión EMPL (Emprego e Asuntos Sociais) do Parlamento Europeo aprobou hoxe, 8/12, con 27 votos favorables e 24 contrarios, a súa opinión sobre o CETA na que pide ao Parlamento Europeo rexeitar o acordo.

No texto da opinión afírmase: “A Comisión de Emprego e Asuntos Sociais pide á Comisión de Comercio Internacional, competente para o fondo, que recomende o rexeitamento por parte do Parlamento da proposta de Decisión do Consello relativa á celebración do Acordo Económico e Comercial Global (CETA) entre Canadá, por unha banda, e a Unión Europea e os seus Estados membros, por outra.”

Nas motivacións (aquí o texto) podemos ler: “No que respecta á creación de traballo decente, os datos empíricos baseados en modelos reais indican, no mellor dos escenarios, uns incrementos marxinais de empregos na UE, non superiores ao 0,018% nun período de execución de 6 a 10 anos. Ademais, estudos recentes baseados nestes modelos prognosticaron perdas reais de 204.000 postos de traballo para a UE no seu conxunto, incluíndo 45.000 en Francia, 42.000 en Italia e 19.000 en Alemaña. Máis aló diso, a avaliación de impacto realizada en 2011 mostra alteracións significativas sectoriais, que poderían conducir, en última instancia, a un aumento no desemprego a longo prazo”.

En canto aos salarios, os datos empíricos mostran que o acordo axudaría a profundar a brecha salarial existente entre os traballadores cualificados e non cualificados, o que leva o aumento de desigualdades e tensións sociais.

O acordo non contén nin un capítulo con medidas destinadas especificamente a apoiar ás Pemes.

Actualmente hai 20,9 millóns de Pemes na UE (93% das cales teñen menos de 10 empregados), pero só 619.000 exportan fóra da Unión. No contexto de liberalización que se crearía co CETA, as Pemes serán totalmente expostas á forte competencia das empresas transnacionais en América do Norte, o que pon en risco os 90 millóns de postos de traballo que ofrecen (67% do emprego total).

A pesar do feito de que o CETA contén un capítulo especial sobre o comercio e o emprego, existe unha clara disparidade entre os niveis de protección previstos para os dereitos dos investidores e dos traballadores. O estatus privilexiado concedido aos investidores polo sistema legal de protección dos investimentos (ICS) contrasta claramente coa protección dos intereses e dereitos dos traballadores.

As grandes mobilizacións surtiron os seus efectos. Desde a Campaña NoalTTIP, CETA, TiSA seguimos denunciando o contido do acordo e presionando as/os eurodeputadas/os chamadas a dar a súa opinión nas diferentes comisións, antes da votación no INTA (Comisión de Comercio Internacional), prevista para o 24 de xaneiro.

A seguinte comisión que redactará e votará a súa opinión é ENVI (Comisión de Medio Ambiente, Saúde Pública e Seguridade Alimentaria), o próximo 12 de xaneiro.

Fonte: http://www.noalttip.org/

Comments are closed