Sahara Press Service | 7 de xullo de 2018
O pasado xoves a ONG Western Sahara Resource Watch (WSRW) deu o sinal de alarma sobre as disposicións incluídas pola Comisión Europea no acordo UE-Marrocos, incluíndo os territorios ocupados do Sahara Occidental.
A Comisión tenta enganar aos Estados membros sobre o proceso de consulta iniciado para “cumprir” co Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJCE, na súa sigla en inglés) en decembro de 2016, que rexeitara a inclusión do Sahara Occidental no Acordo de Asociación UE-Marrocos.
“O 11 de xuño, a Comisión enviou aos Estados membros e ao Parlamento da UE, para a súa aprobación, unha proposta que negociara con Marrocos en relación co comercio de produtos do Sahara Occidental”, declarou a ONG nun comunicado, subliñando que a proposta se basea nunha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea de decembro de 2016, que estipula que ningún acordo comercial ou de asociación entre a UE e Marrocos pode aplicarse ao Sahara Occidental, a menos que conte co consentimento da poboación do territorio.
Esta proposta tenta xustificar a inclusión do territorio non autónomo do Sahara Occidental nun acordo comercial co veciño Marrocos, engadiu a WSRW. A Comisión preséntaa como beneficiosa para as “poboacións locais”, aínda que non apoia esa afirmación con ningunha análise ou estatística independente, sinalou a Organización Non Gobernamental.
Ademais, a cuestión das contraprestacións foi considerada irrelevante polo TJCE no artigo 106 da devandita sentenza; o que importa é que o pobo do Sahara Occidental consinta en que se aplique un acordo da UE no seu territorio, insistiu a ONG.
Fonte: Sahara Press Service