Bruxelas asume que haberá unha “pausa natural” nas negociacións do TTIP pola vitoria de Trump

nonaottiptexto17

En Europa preocupa como serán a partir de agora as relacións da Unión cos Estados Unidos, e esa inquietude, nótase xa nas primeiras valoracións. O vicepresidente da Comisión Europea sinalou que é pronto para sacar conclusións.

A Comisión Europea dixo este mércores que é pronto para saber como afectará nas relacións con Estados Unidos a vitoria do republicano Donald Trump nas eleccións presidenciais, pero asumiu que en calquera caso producirase unha “pausa natural” nas negociacións para un acordo de libre comercio (TTIP, polas súas siglas en inglés).

Nunha rolda de prensa conxunta, o vicepresidente da Comisión Europea responsable de Crecemento e Investimento, Jyrki Katainen, dixo que é prematuro sacar conclusións e a comisaria de Comercio, Cecilia Malmström, concedeu que Bruxelas está aínda “dixerindo” os resultados.

Con todo, ambos coincidiron en que as xa de seu complicadas negociacións do TTIP terán agora que afrontar unha “pausa”, algo que consideraron “natural” pola substitución na Administración norteamericana.

“O que vaia a durar esta pausa é algo imposible de dicir, hai moita incerteza”, indicou Malmström, para despois insistir en que “ten todo o sentido” traballar para estreitar as relacións comerciais de dúas potencias como Estados Unidos e Europa.

Katainen, pola súa banda, recoñeceu que as declaracións de Trump durante a campaña sitúanlle “en contra do libre comercio”, pero pediu “non subestimar” o interese que o TTIP esperta nas autoridades e no sector empresarial norteamericano.

“Hai incertezas ao redor de varios asuntos, non só a cuestión comercial, pero ao mesmo tempo hai que lembrar que as relacións transatlánticas teñen moitos valores e realmente non creo que ningún lado do Atlántico queira poñelos en risco”, defendeu o vicepresidente comunitario.

Fonte: http://www.bilaterals.org/

 

Comments are closed