España pide aplicar rápido o TTIP da UE con Canadá a pesar das reservas doutros socios europeos.

nonaottiptexto6

Manifestantes contra o TTIP e o TiSA en Berlín. Foto: cc Cornelia Reetz vía Flickr

 

  • Dez países rexeitan que se aplique provisionalmente o Sistema de Tribunal de Investimentos que permite ás empresas estranxeiras demandar aos Estados.

  • O Executivo de Rajoy pide que o CETA se asine en outubro e inclúa desde o principio o capítulo de acceso ao mercado de investimentos.

eldiario.es
Laura Pérez-Cejuela

O Goberno español avoga por que o Acordo de Libre Comercio entre a Unión Europea e Canadá (CETA polas súas siglas en inglés) se asine canto antes e comece a aplicarse de forma ampla ata que o aprobe o Congreso, posición que contrasta cos límites que esixen outros países.

O CETA entrou na súa recta final. O texto está desde este venres en mans dos lingüistas que teñen que facer as últimas correccións con vistas á súa firma, que Bruxelas quere levar a cabo no Cume Unión Europea-Canadá do 27 de outubro. En canto estea rubricado e o Parlamento Europeo dea luz verde, empezará a aplicarse de forma provisional ata que o ratifiquen as cámaras nacionais dos vinte e oito, condición indispensable para que entre oficialmente en vigor.

Ningún país oponse á aplicación provisional do acordo, que podería prolongarse durante anos, pero a maioría ten dúbidas sobre o alcance da mesma, especialmente no que se refire ao capítulo de protección aos investidores e acceso aos mercados. Así se recolle nos documentos da última reunión de traballo entre Comisión e estados, aos que tivo acceso eldiario.es

España, xunto con Portugal, pediu explicitamente que se inclúan as provisións sobre o acceso ao mercado de investimentos, que regulan as posibilidades das empresas europeas en Canadá e viceversa. A Comisión Europea apoia esta postura e advertiu de que non facelo podería desalentar os investimentos canadenses na UE. Sobre todo, subliña, o país norteamericano podería facer o propio e limitar a entrada de compañías europeas no seu mercado.

Pero o punto máis polémico é a parte de protección aos investidores, que contempla o criticado Sistema de Tribunais de Investimentos (ICS polas súas siglas en inglés). O ICS permite que os investidores estranxeiros leven aos Estados ante un tribunal específico, á marxe da xustiza ordinaria, se cren que algunha das súas decisións lles prexudica.

Dez países (Alemaña, Irlanda, Luxemburgo, Hungría, Suecia, Finlandia, Dinamarca, Letonia, Lituania e Eslovenia) opóñense, con maiores ou menores reticencias, a que este sistema se inclúa desde a aplicación provisional. España, pola súa banda, non solicitou expresamente que se inclúa pero tampouco manifestou reserva algunha.

Francia, Austria e Bulgaria temen que sexa difícil separar este apartado do de acceso aos mercados, xa que forman parte do mesmo capítulo. Ambos son de interese crucial para as empresas.

Protección aos investidores

O Sistema de Tribunais de Investidores é un dos cabalos de batalla da numerosas ONG que rexeitan o CETA e denuncian que é a antesala do TTIP que se negocia con Estados Unidos. Para Ecoloxistas en Acción, o ICS aumenta o risco de que os estados afronten demandas millonarias por propor medidas de interese público. “É unha ferramenta poderosa en mans dos investidores para impedir cambios nas regulacións que busquen protexer a saúde pública, o medio ambiente ou mellorar as condicións das persoas“, di o seu portavoz, Tom Kucharz.

A súa inclusión na aplicación provisional podería dar pé a que xordan conflitos entre Estados e empresas mesmo antes de que o Tratado sexa ratificado polos parlamentos nacionais: o acordo podería reverterse pero os xuízos seguirían abertos.

España quere asinar en outubro

Dada a división entre os vinte e oito, a CE xa dá por feito que a protección dos investidores quedará fóra da aplicación provisional, aínda que o alcance da mesma aínda está por decidir. Bruxelas tiña previsto que se negociase unha vez asinado o Tratado pero varios países pediron que se aclare antes, co que é posible que o tema teña que dirimirse nun Consello extraordinario de Asuntos Exteriores a finais de verán ou principios do outono, segundo os documentos consultados.

Algúns Estados advertiron de que agora mesmo non poden garantir que o rubricarán. É o caso de Bélxica, onde o Parlamento da rexión de Valonia anunciou que vetará o acordo, ou de Romanía, que denuncia que Canadá esixa aos seus cidadáns un visado que non necesitan o resto de europeos.

O Goberno español en funcións, con todo, defendeu que o acordo se asine en outubro a pesar de que un mes despois do 26J segue sen haber Executivo.

É moi preocupante que o Goberno en funcións defenda a firma e aplicación provisional dun tratado que terá consecuencias amplas e moi negativas máis aló da presente lexislatura sen habelo debatido no Congreso e o Senado“, denuncia Ecoloxistas en Acción.

Comments are closed