Juncker quere un novo “TTIP” con Australia e Nova Zelandia

Yago Álvarez

A Comisión Europea non quere frear a súa axenda liberal de apertura comercial mediante novos tratados comerciais. Oceanía é a próxima meta de Juncker.

Sesión plenaria no Parlamento Europeo en febreiro de 2017

Sesión plenaria no Parlamento Europeo en febreiro de 2017

O pasado 13 de setembro, tras o debate sobre o estado da Unión, o Presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, declarou as súas firmes intencións de avanzar nunha axenda comercial de apertura e eliminación de barreiras comerciais mediante novos acordos de comercio bilaterais. No seu discurso de clausura declarou que quere fortalecer a axenda comercial europea e, posiblemente empuxado polas críticas desde a sociedade civil cara aos tratados de libre comercio que consisten en rebaixar os estándares de calidade ao mínimo común, explicou que o comercio se trata de exportar as nosas normas, xa sexan sociais ou ambientais, de protección de datos ou de requisitos de seguridade alimentaria”.

Tan só uns minutos máis tarde, a Comisión Europea (CE), presentou un novo paquete de propostas en materia comercial e de investimento que seguen a mesma liña de apertura económica que os últimos acordos asinados con Xapón, Vietnam, Singapur ou o controvertido acordo con Cánada, o CETA.

O anuncio estrela deste paquete foi a recomendación ao Consello para que inicie un proceso de negociacións para establecer acordos de libre comercio, similares ao TTIP e ao CETA, con Australia e Nova Zelandia. A CE publicou o documento sobre a recomendación no que alega que “Australia celebrou numerosos acordos de libre comercio con outros países. A UE non ten un acordo de libre comercio bilateral con Australia, o que deixa ás empresas da UE en condicións comparativamente menos favorables para acceder ao mercado australiano”. Tamén indica que a CE xa mantivo activamente contactos cos socios interesados para solicitar puntos de vista detallados sobre as futuras relacións comerciais e económicas entre a UE e Australia.

A Comisaria de Comercio, Cecilia Malmström, tamén realizou varias declaracións respecto diso, nas que se pode entender entre liñas o seu firme rexeito ante o proteccionismo de Donald Trump. Malmström propuxo que a UE siga defendendo o comercio libre e xusto e que este paquete de medidas propostas “demostra este liderado en acción”. Tras estas palabras declarou que traballará estreitamente co Parlamento Europeo e os Gobernos da UE, a través do Consello da UE, para facer avanzar estas propostas canto antes.

O comunicado emitido polo organismo que lidera Juncker, tamén anuncia que, ao contrario que outros acordos, neste caso a Comisión decidiu publicar todas as súas recomendacións para as directrices de negociación de acordos comerciais (coñecidos como mandatos de negociación). Cando se presenten ao Parlamento Europeo e ao Consello, segundo o comunicado, estes documentos enviaranse de forma paralela e automática a todos os Parlamentos nacionais e poranse a disposición do público en xeral.

Con estas medidas, a CE pretende evitar as fortes críticas, provenientes de gran parte do hemiciclo europeo e de campañas de mobilización social, que cargaron contra o segredo no que se han negociados tratados deste calibre, como o TTIP e o CETA.

Un novo xulgado privado de investimentos

Coa escusa de “equilibrar a apertura dos mercados para o comercio e o investimento como motor clave da nosa prosperidade con normas internacionais que respecten nosas elevadas normas e valores comúns e protexan os nosos intereses”, o vicepresidente primeiro da CE, Frans Timmermans, anunciou que, como parte deste novo paquete de medidas comerciais, propoñen a creación dun tribunal multilateral permanente de investimentos para “conseguir o equilibrio adecuado entre os intereses dos Estados e dos investidores e a lexitimidade democrática necesaria garantindo a independencia, a rendición de contas e a transparencia”.

A proposta deste tipo de tribunais non é nova. Os ISDS (Investor-State Dispute Settlement), que é como son coñecidos este tipo de tribunais privados internacionais, son unha das primeiras demandas por parte das multinacionais e lobbies. Mediante este tipo de xulgados, as empresas poden demandar aos Estados se realizan algún cambio na súa regulación que poida carrexarlle unha perda ou simplemente lucro cesante no futuro. Actualmente xa existe un xulgado deste tipo que depende do Banco Mundial, o Centro Internacional para o Arranxo de Diferenzas sobre Investimentos (CIADI). España recibiu hai pouco a súa primeira sanción deste tribunal polo recorte nas axudas ás renovables. Ata 33 empresas máis demandaron ante este tribunal ao Goberno español por este mesmo motivo.

Fonte: El Salto

Comments are closed