Merkel aínda ve posible a firma do tratado de libre comercio entre UE e EEUU

  • A chanceler alemá leva a contra ao seu número dous, Sigmar Gabriel, que deu por “fracasadas” as negociacións
  • En abril, Greenpeace Holanda filtrou uns documentos que revelaban diferenzas “irreconciliables” entre a UE e Estados Unidos.
nonaottiptexto8

Merkel aínda ve posible a firma do tratado de libre comercio entre UE e EEUU.

A chanceler alemá, Angela Merkel, aínda ve posible a firma do tratado de libre comercio entre Estados Unidos e a Unión Europea (UE) ao contrario do que pensa o seu ministro de Economía e vicechanceler, Sigmar Gabriel, quen deu por fracasadas “de facto” as negociacións para o acordo coñecido como TTIP.

O portavoz do goberno, Steffen Seibert, subliñou nunha rolda de prensa rutineira que “os balances provisionais son unha cousa” e lembrou que “as negociacións aínda non concluíron”. “Continuar negociando é o correcto”, afirmou Seibert, á vez que sinalou que “obviamente hai diferenza de opinións” en asuntos como a protección do medio ambiente e os dereitos do consumidor.

Nese sentido asegurou que a firma do acordo que se negocia desde hai dous anos non implicará unha rebaixa dos estándares europeos e alemáns. Agregou que as posturas de ambos os socios “diverxen moito en cuestións importantes” e sinalou que en definitiva do que se trata é de “avaliar se as vantaxes prevalecen sobre os inconvenientes”.

Segundo o portavoz, a chanceler considera que a súa obrigación consiste en esperar o que é capaz de lograr a UE e lembrou que en moitas negociacións o impulso decisivo non chegou ata a última rolda de conversacións.

En tanto, a portavoz de Economía, Tanja Alemany, sinalou que o seu ministerio “elaborou un balance completo” do que se desprende que “non hai ningún capítulo do que exista unha postura común”. Ao mesmo tempo, criticou que “en puntos importantes non está a haber ningún movemento pola parte estadounidense”, polo que o Ministerio de Economía chegou á conclusión de que este ano non haberá TTIP.

O titular de Economía “declarou de facto fracasado” o TTIP e “iso segue vixente”, agregou a portavoz, á vez que lembrou que, por outra banda, Gabriel segue considerando que o acordo de libre comercio con Canadá (CETA) é algo bo para Alemaña.

O proceso “está de facto fracasado, aínda que ninguén o recoñecera abertamente”, asegurou onte o ministro nunha rolda de prensa con cidadáns na Xornada de Portas Abertas do Goberno alemán.

Fonte: http://www.eldiario.es

Comments are closed