O Tratado Económico e Comercial entre a Unión Europea e Canadá, (CETA polas súas siglas en inglés), e tamén coñecido como o ”TTIP canadense”, polas súas similitudes con ese acordo, atópase na fase final do seu proceso de ratificación.
O CETA estivo a piques de quedar bloqueado no Consello Europeo pola negativa do Parlamento da rexión belga de Valonia a dar o visto e prace á súa aprobación, pero finalmente as numerosas presións internacionais forzaron aos belgas a aceptar o tratado.
O vindeiro 24 de xaneiro o CETA será votado na Comisión de Comercio Internacional (INTA) do Parlamento Europeo; a Campaña NON ao TTIP, CETA, TiSA, así como moitas outras campañas europeas, convoca mobilizacións en todo o territorio o día 21 de xaneiro para incidir sobre a votación do Tratado en febreiro.
Na seguinte fase do proceso, a última antes da súa aplicación provisional, o acordo na súa totalidade (sen posibilidade de engadir emendas) será votado no pleno do Parlamento Europeo,nos primeiros días de febreiro. En caso de ser ratificado, amplas seccións do tratado comezarían a aplicarse provisionalmente, de forma previa á ratificación final por parte dos distintos parlamentos nacionais.
O CETA foi cuestionado por amplos sectores da sociedade civil, tanto na Unión Europea como en Canadá por non ofrecer garantías respecto da protección do medio ambiente e os dereitos fundamentais das persoas. Na Unión Europea, máis de 3,5 millóns de persoas asinaron unha petición en contra do CETA e o seu tratado xemelgo, o TTIP, que negocian Estados Unidos e a Unión Europea.
A pesar de que varios anexos e “declaracións interpretativas” foron engadidas ao CETA a posteriori para tratar de sumar apoios, estes textos non modifican substancialmente o acordo, que continúa presentando numerosos problemas:
O CETA autorizaría a miles de corporacións a demandar aos gobernos por adoptar medidas lexítimas e non discriminatorias para a protección da poboación e do planeta a través dun sistema de resolución de conflitos investidor-estado (ICS) de acceso exclusivo aos investidores estranxeiros. Un auténtico sistema legal paralelo ao que as corporacións poden acudir para defender os seus dereitos eludindo os tribunais existentes, e ao que nin as organizacións da sociedade civil nin as empresas nacionais teñen acceso.
Nun neto contraste cos dereitos das corporacións, as provisións do CETA en canto a dereitos laborais e desenvolvemento sustentable non poden ser efectivamente reforzadas mediante sancións e quedan en declaracións ocas que non equilibran outros capítulos do tratado que afectan os dereitos dos traballadores ou a protección do ambiente.
O CETA limita seriamente a capacidade dos gobernos para crear, expandir e regular os servizos públicosy para reverter liberalizacións e privatizacións fracasadas.
O CETA fai que Canadá e a Unión Europea sexan máis vulnerables ás crises financeiras posto que se producirá unha maior liberalización dos mercados financeiros.
Un estudo independente dos impactos económicos do CETA predí que se perderán postos de traballo tanto na Unión Europea como en Canadá, e que os pequenos beneficios do tratado serán fundamentalmente para os donos do capital, co consecuente aumento da desigualdade.
O CETA podería aumentar o custo das prescricións de medicamentos e impactaría negativamente en dereitos fundamentais como o dereito á privacidade e á protección de datos. Tamén limitaría a capacidade tanto da Unión Europea como de Canadá de actuar contra patentes excesivas.
As normas do CETA en canto a cooperación reguladora e ás regulacións nacionais porán obstáculos adicionais ás regulacións e reforzarán o papel dos lobbistas corporativos nos procesos de elaboración das políticas, socavando potencialmente a adopción de políticas de interese público.
En ambos os lados do Atlántico, o CETA exporía aos agricultores a unhas presións competitivas que minarían o seu modo de vida, obstruiría as políticas de compra pública de alimentos locais, e ameazaría os estándares de produción e procesamento de alimentos, facendo imposible o desenvolvemento dunha agricultura sustentable.
As medidas de precaución para protexer aos consumidores, á saúde pública e ao medio ambiente poden ser postas en cuestión polo CETA, xa que nin no texto nin nas declaracións anexas se protexe explicitamente o do principio de precaución na política regulatoria europea.
Por estes motivos, as organizacións que formamos parte da campaña NON ao TTIP, CETA, TiSA convocamos un día de mobilizacións en todo o territorio español o 21 de xaneiro; mostramos o noso rotundo rexeitamento a este acordo comercial, e cominamos ao Parlamento Europeo, ao Parlamento canadense e aos parlamentos nacionais, provinciais e rexionais, que teñen voz e voto no proceso de ratificación, a defender os dereitos e os intereses das poboacións que representan contra as ameazas que implica o CETA, votando en contra da ratificación do tratado.
Fonte: http://www.bilaterals.org/?la-campana-no-al-ttip-convoca