Por Comunicado da Campaña Non ao TTIP, CETA, TiSA | 27-9-17
Hoxe, 27 de setembro tivo lugar no Senado a presentación do estudo previo de constitucionalidade ao Acordo Comercial entre Canadá e a Unión Europea (CETA), cuxo obxectivo é instar o Tribunal Constitucional que analice aqueles apartados do acordo que, segundo numerosas organizacións da Sociedade Civil, son contrarios ao propio ordenamento constitucional.
Compareceron Cuca Hernández (portavoz da campaña Non ao TTIP-CETA-TiSA), Tom Kucharz (portavoz da campaña Non ao TTIP-CETA-TiSA) Idoia Villanueva (Unidos Podemos), Carles Mulet (Compromís), Jon Iñárritu (Bildu) e Sara Vilà (En Comú Podem).
Con todo, a maioría absoluta do PP na Cámara Alta bloqueará o informe previo de constitucionalidade do CETA que solicitou o grupo parlamentario Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea, co apoio de Compromís, Bildu e ERC e cuxa petición será sometida a votación esta mesma tarde.
Óscar López, antigo portavoz do Grupo Socialista no Senado, manifestou nun breve encontro informal aos portavoces da campaña que o PSOE se absterá na votación.
Tal e como Cuca Hernández manifestou, “o CETA xa entrou en vigor de forma provisional desde o pasado 21 de setembro, a pesar de que non foi ratificado aínda pola maioría dos parlamentos europeos”, lembrando ademais que “o CETA ten os mesmos perigos que o TTIP e afecta gravemente os dereitos do consumidor, aos dereitos laborais, ambientais e á saúde pública”.
A portavoz da Campaña contra o TTIP, CETA, TiSA tamén lembrou que o tratado comercial afecta á soberanía dos estados europeos, pois establece a creación “dunha comisión de técnicos canadenses e europeos con capacidade de bloquear leis emanadas dos diferentes parlamentos europeos”.
Tom Kucharz, tamén portavoz da campaña, realizou un chamamento ao resto de grupos políticos, PSOE, PDeCAT e PNV para que “apoien a solicitude de informe previo de constitucionalidade”.
Kucharz quixo tamén poñer o acento no tratado comercial que a Unión Europea está a negociar con Xapón e que “entraña os mesmos riscos que os outros tratados” que se están aprobando. Kucharz tamén lembrou que “Congreso e Senado teñen a obrigación de controlar ao goberno en materias de políticas comercial e de investimento, máis aínda cando esta política atenta contra os dereitos humanos, os recursos naturais, a democracia e o estado de dereito”. “Facemos unha petición moi explícita para a creación dunha comisión mixta Congreso-Senado para facer un seguimento ao CETA, tendo en conta dos problemas de seguridade alimentaria que xa se están xerando e porque o CETA xa comezou a reducir o alcance dos dereitos fundamentais”, concluíu Kucharz.
Fonte: No al TTIP