Por que o CETA non é mellor

CETA-Canada-EU-trojan-1365

Foto: Reuters/Leonhard Foeger

New Internationalist | 17 de agosto de 2018

Por Alex Scrivener. Responsable de política en Global Justice Now.

A idea dun acordo comercial con Trump asusta á xente. E con toda a razón.

Despois de todo, a lista de éxitos dos negociadores estadounidenses inclúe pór máis soro no noso leite e máis hormonas na nosa carne. E as autoridades estadounidenses foron claras -queren que as multinacionais dos EE.UU teñan acceso ao Sistema Nacional de Saúde (NHS, na súa sigla en inglés)-, algo que Theresa May negouse a descartar.

Esta é a razón pola que o TTIP, o acordo entre a UE e os EE.UU., anoxou a moitos no Reino Unido e en toda Europa. Así que non é sorprendente que os esforzos do secretario de comercio internacional Liam Fox para facer un acordo bilateral similar con Trump estea a suscitar controversia.

Pero que pasa con Canadá? O mes pasado, o Reino Unido ratificou o CETA, o acordo comercial UE-Canadá denominado “o irmán pequeno do TTIP”. En comparación coa controversia en torno ao TTIP, a atención dos medios de comunicación ao CETA foi escasa. Parece que mentres algúns xornalistas entenden por que debemos ser cautelosos á hora de asinar un acordo con Trump, outros pensaron que un acordo con Canadá sería interesante desde o punto de vista xornalístico.

Despois de todo, non temos nada que temer dese simpático e brillante Sr. Trudeau, non é? Pois non.

En primeiro lugar, o CETA non é “só” un acordo comercial. En realidade, a eliminación de aranceis e cotas non é o obxectivo último do CETA. De feito, se este acordo se limitara a cambiar o xarope de arce libre de aranceis por queixo Cheddar, habería pouca controversia. Pero non o é. Ten por obxecto fortalecer ás grandes corporacións, socavar regulacións sensíbeis e asegurar con cadeados a privatización.

Talvez o máis perigoso de todo son as chamadas cláusulas de statu quo (“standstill”, en inglés) e trinquete (“ratchet”) no acordo. En poucas palabras, estas cláusulas obrigan a ambas as partes a manter os niveis de liberalización do mercado polo menos no punto en que se atopaban no momento do acordo e a asegurar a privatización futura en calquera dos sectores integrados no tratado.

Para servizos públicos como o Sistema Nacional de Saúde (NHS, e inglés), as consecuencias disto non son difíciles de imaxinar. Impedirase que os futuros gobernos revertan a súa privatización. Do mesmo xeito, calquera medida de remunipalización da enerxía ou de renacionalización dos ferrocarrís podería estar supeditada ao CETA.

Así que xa sexa Jeremy Corbyn, Jeremy Hunt ou mesmo Jeremy Kyle en Downing Street, o goberno do Reino Unido terá as súas mans atadas no plano da privatización dos servizos públicos.

Por outra parte, temos aos “tribunais corporativos”. Son os que lle poñen os cabeiros ao CETA. Estes tribunais permiten ás empresas demandar aos gobernos por calquera acción gobernamental que viole as súas “expectativas lexítimas”. Isto levou a casos como no que Veolia tratou de demandar a Exipto polo aumento do salario mínimo para os traballadores en Alexandría, e o de Vattenfall, forzando a Alemaña a ceder nas demandas para que a súa central eléctrica de carbón cumpra con estándares de redución da contaminación máis estritos.

Os temores de que o CETA implicase máis casos como estes obrigaron aos negociadores a volver rapidamente á mesa de negociación ao redor da cláusula de arbitraxe entre investidores e estados (ISDS na súa sigla en inglés) do borrador orixinal do acordo. Pero en lugar de eliminar os ISDS do acordo, introduciuse apresuradamente unha versión reformada. O Sistema de Tribunais para Investidores (ou “ISDS-lite” como algúns o chamaron) é unha modesta mellora con respecto á versión “clásica” dos tribunais corporativos. Cos ISDS, había pouca ou ningunha transparencia e os casos eran dirimidos por un xurado ad-hoc de avogados de empresas que, pagados por horas, tiñan un interese persoal en alentar a presentación de máis casos mediante un fallo a favor das empresas.

O novo sistema contribúe en certo xeito a cambiar iso. Haberá un tribunal de maxistrados nomeados por períodos fixos, con maior transparencia e un mecanismo de apelación. (Este sistema pode ampliarse máis aló do CETA para converterse nun Tribunal Multilateral de Investimentos permanente).

Pero no fondo é o mesmo. Unha corte especial para corporacións que disuadirá aos gobernos de sequera pensar en aprobar regulacións que poidan conducir a unha demanda. Mesmo se facelo é en gran medida de interese público.

O CETA é tamén un dos poucos acordos comerciais que operan baixo o chamado principio de “lista negativa”. Isto significa que en lugar de incluír de forma activa aos sectores que están suxeitos ao acordo, as partes teñen que indicar que sectores non están sometidos ao mesmo.

Poida que isto non pareza unha gran novidade, pero podería ter importantes repercusións no futuro, en sectores e industrias que aínda non se inventaron. Por exemplo, se asinásemos un acordo comercial como este nos anos oitenta, gran parte da industria da tecnoloxía moderna e da economía de Internet incluiríase agora automaticamente.

Todo isto é preocupante. E pode ser peor. Unha presunción común sobre o CETA é que o dano causado por un acordo con Canadá será limitado en comparación con calquera acordo similar cos Estados Unidos. Pero esa suposición pode estar errada: moitas empresas estadounidenses teñen unha presenza o suficientemente importante en Canadá como para que o CETA se converta nunha porta traseira para botar man dos “tribunais corporativos” para demandar ao Reino Unido.

De feito, este tipo de “shopping de tratados” ocorre constantemente. Por exemplo, a empresa petroleira rusa Yukos utilizou o seu enderezo social na Illa de Man para facer uso das disposicións do ISDS.

Este acordo comercial tamén será prexudicial para Canadá. Dado que as empresas británicas son grandes usuarias do ISDS -un informe de 2015 revelou que estas eran as responsables do 8 por cento dos litixios a nivel mundial-, Canadá pode ter aínda máis que temer que o Reino Unido. Outras compañías poderían seguir o exemplo de Yukos e utilizar a súa presenza en paraísos fiscais do Reino Unido para aproveitarse das disposicións do ISDS. Canadá estivo ao lado equivocado nalgúns dos casos máis atroces. Por exemplo, cando o goberno de Quebec decidiu declarar unha moratoria sobre o fracking, a corporación Lone Pine Resources levou a Canadá a unha arbitraxe.

E o Brexit tampouco é probable que deteña as ameazas que expón este acordo. Grazas a algunhas obxeccións de última hora de Italia sobre as proteccións para produtos como o queixo Parmigiano-Reggiano, parece pouco probable que o CETA sexa integramente ratificado antes do Brexit. Isto significa que o Reino Unido non estará suxeito á cláusula de “expiración” de 20 anos que nos tería encerrados no CETA durante dúas décadas, aínda que quixésemos marcharnos, co que o Reino Unido terá que asinar un acordo separado con Canadá. Pero, a diferenza doutros gobernos que parecen dispostos a utilizar o Brexit para renegociar as relacións comerciais co Reino Unido, o goberno canadense deixou moi claro que estaría encantado de negociar moi pronto un acordo ao estilo do CETA para o Reino Unido, e mesmo de chegar a un trato que vaia aínda máis lonxe.

Non é demasiado tarde para deter isto. Pero vai ser difícil. O Reino Unido xa ratificou o CETA. Aínda que na actualidade non existe ningunha obrigación para que os parlamentos voten sobre os acordos comerciais, Fox permitiu unha votación e un debate sobre o acordo con Canadá para evitar as críticas sobre a falta de democracia nos acordos comerciais no Reino Unido (o Parlamento apoiouno de maneira abafadora, coa abstención do Partido Laborista a pesar da oposición declarada do líder Jeremy Corbyn).

Pero esta farsa significa que no futuro, o secretario de comercio poderá asinar acordos con quen queira, utilizando a Prerrogativa Real (os poderes históricos da monarquía) sen ningún tipo de supervisión parlamentaria. Isto confire ao Goberno uns poderes excepcionais que non teñen parangón na maioría dos países da UE.

Para deter un futuro acordo con Canadá, o primeiro que hai que facer é garantir que o proxecto de lei de comercio que se atopa actualmente na Cámara dos Lores se modifíque para que o Parlamento teña un control adecuado sobre os acordos comerciais e, o que é crucial, o poder de rexeitalos.

Sen este tipo de cambio, se os parlamentarios poden opinar sobre un futuro acordo con Canadá, os Estados Unidos ou calquera outro país, será responsabilidade súa e do goberno. Namentres, temos que convencer aos deputados de que os nosos acordos comerciais deberían ser só iso: acordos sobre comercio, non mecanismos para que as empresas socaven o medio ambiente, os dereitos dos traballadores e servizos públicos como o Sistema Nacional de Saúde.

Fonte: New Internationalist

 

Comments are closed