Sánchez defende o tratado con Canadá, a tan só un ano da súa abstención

Por Non ao TTIP | 24-9-18

O presidente de goberno, Pedro Sánchez, a través dunha declaración, defende en Canadá o CETA, o mesmo tratado neoliberal UE-Canadá que apenas hai un ano recibía críticas por parte da executiva socialista.

O PSOE abstívose na votación sobre o CETA no Congreso dos Deputados en 2017, aínda que non foi suficiente para evitar a súa ratificación, e prometeu un “novo enfoque” en política comercial. O 22 de maio de 2018, o Comité Federal do PSOE fixo público o seu documento “Principios para os Tratados Comerciais” onde avoga por un “comercio xusto”, todo o contrario do que representa o CETA porque fai precarias as condicións laborais, elimina protección ambiental e de saúde, agrava o cambio climático e impulsa a privatización dos servizos públicos.

O goberno do PSOE ao apoiar o CETA está a impulsar as mesmas políticas neoliberais do PP e incumprindo os seus propios “principios sobre comercio” en opinión da Campaña Non aos Tratados de Comercio e Investimento.

Os gobernos de Canadá e España na súa declaración conxunta falan de reducir as desigualdades cando estas están a aumentar e din “protexer os dereitos laborais” cando están a baixar os salarios. Tamén din “combater o cambio climático” cando está demostrado que máis comercio entre a UE e Canadá supón máis emisións de gases de efecto invernadoiro que aceleran o quecemento global.

España é incapaz de frear o cambio climático e Canadá está a exportar máis petróleo de areas bituminosas o que tamén está a facer que aumenten as emisións de gases de efecto invernadoiro. O goberno canadense de Justin Trudeau non vai cumprir nin sequera os obxectivos do Acordo climático de París de 2015 coas súas desastrosas políticas ambientais.

O cambio climático custará máis a España e a Canadá en termos económicos e sociais do que din “gañar” co aumento nos fluxos de comercio bilateral.

O que está claro é que o tratado comercial UE-Canadá creou un paraíso para o lobby corporativo, elevando o poder das multinacionais para cambiar as regulacións ao seu antollo. Non podemos permitir que sexan as multinacionais as que lexislen por nós.

Demandamos do goberno español así como os partidos con representación parlamentaria que defendan os servizos públicos, protexan o medio ambiente e loiten polos dereitos laborais, e que cambien urxentemente a política comercial.

Notas ao editor:

Declaración conxunta emitida pola Moncloa: http://www.lamoncloa.gob.es/presidente/actividades/Documents/2018/23092018_DeclaracionConjuntaAgenda.pdf

Análise da campaña sobre os principios do PSOE sobre os acordos comerciais: http://www.noalttip.org/inconsistencias-en-el-tratado-con-japon-y-los-principios-del-psoe-sobre-comercio/

Valoración da campaña a un ano da aplicación provisional do CETA: http://www.noalttip.org/un-ano-del-ceta-sus-beneficios-nuestra-ruina/

Fonte: No al TTIP

Comments are closed