COMUNICADO DE PRENSA*
29 de xuño de 2017
A campaña Non ao TTIP, CETA, TISA, coalición que aglutina a máis de 350 organizacións sociais, sindicais e políticas de todo o Estado, lamenta profundamente o resultado da votación desta mañá no Congreso de Deputados onde se deu luz verde á ratificación do acordo económico e comercial entre a Unión Europea e Canadá, o CETA. A pesar deste apoio, a sociedade civil espera que este tratado sexa rexeitado nalgún dos parlamentos nacionais e rexionais da UE onde deberá ser ratificado.
A ratificación do CETA, que contou co voto a favor dos deputados e as deputadas dos grupos Partido Popular, Cidadáns, Partido Democrático de Catalunya e Partido Nacionalista Vasco, significa despexar parcialmente o camiño da posta en marcha dun tratado comercial e de investimento que, no caso de que chegue a entrar en vigor, porá en risco conquistas sociais e ambientais e suporá unha perda de soberanía.
“Hoxe perde a cidadanía e gaña un modelo de globalización que desregula e dá máis poder ás grandes corporacións” declarou Miguel Ángel Soto, portavoz da campaña Non ao TTIP, CETA, TiSA. “Pero a oposición ao CETA está a aumentar a ambos os dous lados do Atlántico a medida que a cidadanía está a coñecer detalles do texto e como este afecta á súa saúde, os seus dereitos e a protección do medio ambiente”.
Numerosos estudos avalan que estes tratados non mellorarán os niveis de emprego e suporán graves problemas para as Pemes, así como impedirán loitar de maneira efectiva contra o cambio climático e contra a perda de biodiversidade do planeta.
O CETA, ademais, non inclúe un capítulo sobre medidas concretas de apoio ás Pemes, ás que o Comité Económico e Social Europeo ven prexudicadas xa que estima que este tipo de acordos favorece a expansión das grandes empresas.
Este acordo non prevé sistemas de control e sanción efectiva polo incumprimento das obrigacións relativas aos dereitos laborais; os convenios colectivos veranse seriamente prexudicados polos mecanismos de resolución de controversias entre investidores e Estados, como de feito xa sucedeu noutros acordos en vigor; a excelencia que para o mundo agrario supón as Denominacións de Orixe Protexidas e as Indicacións Xeográficas Protexidas verase claramente prexudicada ao só recoñecerse o 10% delas.
“Porén deste tropezo, desde a Campaña queremos manifestar que non imos baixar a garda. A maioría de parlamentos nacionais, federais e rexionais da Unión Europea non se pronunciaron aínda. Traballaremos de xeito conxunto coa campaña europea para facer descarrilar o CETA” declarou Alberto Martínez, portavoz da campaña.
*Corresponde a NO AL TTIP.
Fonte: No al TTIP