Lobby Planet, unha guía polo mundo do lobby en Bruxelas e Madrid

  • Ecoloxistas en Acción, CEO ( Corporate Europe Observatory) e OMAL-Paz con Dignidade presentaron unha guía para coñecer como funcionan os lobbies (grupos de cabildeo) na UE e en España, que tentan influír no proceso de elaboración de nomativas e leis.

  • O informe dá conta dos máis de 25.000 lobistas que traballan no barrio das institucións de Bruxelas, e que están ao servizo de grandes empresas e os seus correspondentes grupos de presión.
  • O escándalo Dieselgate, o funcionamento do Grupo de Alto Nivel sobre a Crise Financeira ou o lobby da industria química, tres exemplos que o informe destaca.

Estímase que hai máis de 25.000 lobistas que traballan en Bruxelas. Esta é a primeira conclusión da nova edición de ‘Lobby Planet‘, unha guía que permite chegar ás entrañas do barrio institucional de Bruxelas. Con esta guía, Ecoloxistas en Acción, CEO e OMAL-Paz con Dignidade explican os métodos, con frecuencia escuros, que utiliza o cabildeo profesional no seo da Unión Europea (UE): os seus protagonistas, lugares de reunión e temas que lles interesan.

Tras unha breve introdución á escena do lobby en Bruxelas, a guía visita as sedes dalgúns dos actores máis destacados, dos que se achega unha pequena descrición das súas actividades. A continuación, destácanse os sete sectores nos que se libraron as batallas máis caras e controvertidas dos grupos de cabildeo nos últimos anos. Tamén se inclúe na guía un glosario que permite abrirse paso na complexidade de termos e siglas da UE.

Os dous lobbies máis poderosos son a Mesa Redonda Europea de Industriais ( ERT, European Round Table of Industrialists), composta polos presidentes dás preto de 50 empresas transnacionales máis grandes de Europa; e BusinessEurope, a principal organización patronal do continente.

Aínda que as ONG e os sindicatos tamén fan cabildeo en Bruxelas, a desproporción é abafadora: as empresas e os seus grupos de presión teñen un 60 % máis de lobistas con pase de acceso ao Parlamento Europeo que os da sociedade civil. A diferenza en recursos económicos é inmensa, sobre todo en temas como a regulación financeira.

Un estudo de CEO pescudou que o sector financeiro gastaba máis de 120 millóns de euros anuais en accións de lobby ante a UE, 30 veces máis que as ONG e sindicatos xuntos. Pero onde hai unha diferenza radical é nos fins: mentres uns defenden o interese público, os outros pelexan polo seu beneficio privado.

As estimacións máis conservadoras apuntan a que o gasto en estratexias de lobby dirixidas á Comisión Europea, o Parlamento Europeo, o Consello da Unión Europea e as sedes en Bruxelas dos Gobernos nacionais supera os 1.500 millóns de euros cada ano. O foco principal é a Comisión Europa, que é a única que ten iniciativa lexislativa.

Con eses recursos non é de estrañar que en 2017, máis de un de cada tres excomisarios que deixaron o seu cargo na Comisión Europea en 2014, accedese a un posto no sector privado. Algo posible mediante o fenómeno de ‘as portas xiratorias’, que en moitos casos implicaba labores de lobby.

O maior escándalo ata a data é o caso do antigo presidente da Comisión Europea, José Manuel Barroso. Este exmandatario pasou a formar parte do persoal de Goldman Sachs, o banco de investimentos que xogou un papel central na crise financeira en 2008, e que continúa combatendo ferozmente todo intento por endurecer as normas no ámbito financeiro.

Exemplos máis soados

Un escándalo recente que mostra o poder do lobby empresarial é o Dieselgate, que deixou ao descuberto un sistema de lexislación laxo e demasiado compracente coa autorregulación da industria automobilística.

Outro caso é o do Grupo de Alto Nivel sobre a Crise Financeira que se concibiu como un grupo de expertos establecido pola Comisión e o Consello como consecuencia da crise económica do 2008. Dos seus oito membros, catro tiñan estreitas conexións con xigantes financeiros como Goldman Sachs, BNP Paribas, Citibank e a malograda Lehman Brothers.

Así mesmo, o Grupo de Alto Nivel reservouse un asento para o representante dunha consultoría que tiña algúns dos bancos máis importantes na súa carteira de clientes, e outro ao exdirector da Autoridade de Servizos Financeiros do Reino Unido, responsable de levar a varias entidades bancarias británicas ao bordo do colapso. En 2009, o grupo propuxo as súas reformas bancarias que, como era de esperar, non despeitearon o máis mínimo ao sector.

Un terceiro exemplo é o lobby da industria química, que está a conseguir con éxito poñer moitas trabas no proceso de regulamentación dos disruptores endocrinos ( EDC).

Lobby Planet” en Madrid

No partido Madrid-Barcelona da última tempada sentaron na zona VIP personaxes como Florentino Pérez, presidente do equipo local e da construtora ACS; José María Aznar, expresidente do Goberno, conselleiro de News Corporation e asesor de Endesa, Barrick Gold e KPMG; Carlos Espinosa de los Monteros, alto comisionado para a Marca España e conselleiro de Inditex; Guillermo da Dehesa, vicepresidente do consello de administración do Banco Santander e exsecretario de Estado de Economía co Goberno de Felipe González. E tamén os presidentes de Endesa, Sacyr, Mapfre e Deloitte, compartindo asento con directores de xornais e exministros do PP e PSOE.

Este exemplo serve como presentación dun percorrido polos principais centros de lobby españois situados en Madrid. Un percorrido que recapitula as principais empresas, asociacións empresariais, consultorías de lobby e despachos de avogados, institucións públicas, think thanks, escolas de negocios e espazos de encontro, como o palco do Santiago Bernabeu.

A publicación de Lobby Planet por Ecoloxistas en Acción, Corporate Europe Observatory e OMAL-Paz con Dignidade ten o obxecto de visibilizar ás grandes empresas e lobbies empresariais como actores con capacidade de redirixir as políticas públicas cara aos seus intereses, gañe quen gañe as eleccións. Por iso, consideran fundamental o escrutinio público do mundo dos lobbies a través desta ferramenta e outras propostas que se contemplan nela.

Fonte: No al TTIP

Comments are closed