O Parlamento Europeo esixe á UE que antepoña os Dereitos Humanos aos intereses corporativos

O Parlamento Europeo aprobou unha resolución na que insta á Unión Europea a apoiar o instrumento vinculante da ONU sobre multinacionais e Dereitos Humanos. Queda por ver se a Comisión Europea e o Consello da UE deciden ignorar unha vez máis as resolucións do Parlamento.

A votación obtivo 301 votos a favor, 288 en contra e 17 abstencións. Entre os grupos que votaron en contra destaca o Partido Popular Europeo ( EPP), o que pon de relevo unha vez máis a axenda neoliberal do PP, centrada en defender os intereses corporativos por encima do planeta e os dereitos sociais seguindo a política de “ Trump”.

Un instrumento legalmente vinculante e esencial para poñer fin á impunidade das empresas transnacionais e regular a súa actividade, a cal causou terribles impactos económicos, sociais, ambientais e culturais en todo o mundo.

Na semana do 15 ao 19 de outubro, decidirase no Consello de Dereitos Humanos de Nacións Unidas en Xenebra sobre o contido do instrumento vinculante que pretende obrigar ás empresas transnacionais a cumprir co Dereito Internacional en materia de Dereitos Humanos.

Queremos denunciar que a UE obstaculizou o proceso durante anos para tentar facelo fracasar e conseguiu eliminar contidos clave do borrador cero do tratado (publicado o 20 de xullo de 2018). É fundamental garantir que o proceso siga o rumbo esixido polas comunidades afectadas polos crimes das multinacionais e as organizacións da sociedade civil que realizan un traballo imprescindible en defensa dos dereitos humanos.

Lembramos que a UE non ten competencia nin mandato para negociar un instrumento vinculante, senón que son os Estados membros quen ten a obrigación de protexer e promover os dereitos humanos e de participar construtivamente no Consello de Dereitos Humanos da ONU.

A campaña “Non aos tratados de comercio e investimento” fai un chamado urxente ao goberno español para que asuma a súa responsabilidade e apoie de maneira activa o proceso cara a un instrumento vinculante durante a 4ª sesión do grupo de traballo intergobernamental en Xenebra.

A campaña apoia este proceso tan determinante para traer xustiza ás comunidades afectadas polos crimes das empresas transnacionais e para poñer fin á impunidade.

Fonte: No al TTIP

Comments are closed