O verdadeiro custo do acordo comercial entre UE e o Mercosur

O verdadeiro custo do acordo comercial entre UE e o Mercosur

Por Amigos de la Tierra | 26-5-20

O verdadeiro custo do acordo comercial entre UE e o Mercosur

A Comisión Europea acadou recentemente un acordo comercial cos países do Mercosur (Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai) que, de ser ratificado, consistiría no maior acordo comercial xamais aplicado en ambos os bloques en canto ao número de cidadáns afectados. Con todo, este acordo ten un custo moi alto tanto para as persoas como para o planeta.

A nivel rexional e global supón a aparición de nefastas consecuencias: a escalada e intensificación dos incendios na Amazonía, o aumento das emisións de gases de efecto invernadoiro, a alteración da produción de alimentos a nivel local nos países do Mercosur, así como un aumento do uso de pesticidas perigosos e demais substancias tóxicas que ameazan a seguridade alimentaria en Europa.

Ademais, a adhesión ao acordo tamén reforza a posición do presidente de Brasil, Jair Bolsonaro, coñecido por vulnerar os dereitos dos pobos indíxenas, das mulleres, das persoas campesiñas e traballadoras, así como por arrasar o medio ambiente do seu país e debilitar o Acordo de París sobre o cambio climático.

Antes de entrar en vigor, o acordo aínda debe ser aprobado polo Consello da Unión Europea, o Parlamento Europeo e todos os parlamentos dos Estados Membros. Este é o momento de rexeitar con contundencia un acordo comercial atroz que sería prexudicial en numerosos aspectos para as persoas, o clima e o medio ambiente.

O Acordo Comercial UE- Mercosur fomentará o comercio de produtos que están a causar deforestación e agravando o cambio climático, á vez que se incrementan as emisións debidas ao transporte, sobre todo por barco. En moitos lugares, os incentivos comerciais á produción agrícola afectarán á biodiversidade, xa que supoñerán a destrución de hábitats para convertelos en pastos e terras de cultivo, e incrementarán o uso de pesticidas tóxicos. Isto poñerá en risco a saúde tanto das persoas traballadoras e consumidoras como da fauna. O acordo tamén supoñerá un incremento nas vendas de vehículos fabricados pola contaminante industria automobilística da UE, polo que aumentará as emisións de gases de efecto invernadoiro ( GEI).

Fonte: Amigos da Terra

Comments are closed