Máis de 200 organizacións rexeitan o acordo comercial entre a UE e Mercosur

Por No a los TCI | 29-6-20

Máis de 200 organizacións rexeitan o acordo comercial entre a UE e Mercosur

Máis de 200 organizacións da sociedade civil asinaron unha petición dirixida aos gobernos dos Estados membros, á Comisión Europea e ao Parlamento Europeo, para que rexeiten o Acordo de Asociación entre a UE e os países integrados en Mercosur (Brasil, Arxentina, Paraguai e Uruguai).

Aínda que a idoneidade do tratado foi posta en dúbida desde a súa conclusión en xuño de 2019 por distintos gobernos, parlamentos nacionais e rexionais na UE e, recentemente, polo Goberno arxentino de Alberto Fernández, a presidencia alemá da UE parece disposta a continuar co proceso de firma e ratificación.

Para as organizacións asinantes, este acordo comercial supoñerá a aceleración da destrución ambiental e a crise climática, o aumento das violacións de dereitos humanos e da impunidade, e un impulso ao modelo agropecuario orientado á exportación que prexudica ao campesinado tanto na UE como no Mercosur.

A campaña estatal Non aos Tratados de Comercio e Investimento entregou unha carta asinada por máis de 200 organizacións de toda Europa á Ministra de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación e a todos os europarlamentarios e europarlamentarias españois. Demandan que rexeiten o tratado comercial entre a UE e Mercosur no Consello Europeo e o Parlamento Europeo respectivamente.

A conclusión deste tratado comercial, cuxas negociacións se prolongaron durante 20 anos, foi anunciada en xuño de 2019. Desde entón sucedéronse as críticas ao texto do acordo por parte de gobernos como os de Francia ou Irlanda, especialmente tras a onda de incendios na Amazonia en agosto do pasado ano e a xestión política da crise por parte do Goberno brasileiro. Nos últimos meses os parlamentos de Austria, Países Baixos e a rexión belga de Valonia aprobaron mocións de rexeitamento ao tratado.

Con todo, o Goberno alemán, que presidirá a UE no segundo semestre de 2020, parece decidido a ignorar este crecente malestar en torno ao acordo con Mercosur e continúa co calendario previsto para a súa firma e ratificación. O Goberno español mostrouse ata o de agora tamén claramente favorable ao tratado.

As organizacións asinantes da petición consideran que este tratado comercial terá consecuencias negativas para o medioambiente e a cidadanía:

Acelerará a destrución do medio ambiente e a crise climática ao promover as exportacións de automóbiles, a expansión dos monocultivos e os pastos dedicados á gandeiría. O acordo impulsará sectores como a carne ou a soia (entre outros) nos países de Mercosur, responsables da destrución da Amazonía e outros ecosistemas.

Aumentará as violacións de dereitos humanos e da impunidade, incluíndo violencia física contra pobos indíxenas e comunidades campesiñas así como a expulsión das súas terras. A firma do acordo implicaría a lexitimación das políticas contra os indíxenas e antisociais de Jair Bolsonaro.

Reforzará o modelo agropecuario orientado á exportación, que terá efectos perniciosos sobre os prezos en orixe dos que dependen o campesiñado na a UE e Mercosur. Tamén supoñerá máis sufrimento animal e afectará á produción local de alimentos.

A petición de abandonar o tratado por parte da sociedade civil prodúcese xusto cando se cumpre un ano do anuncio da conclusión do acordo. As organizacións sociais e ambientais que asinan a carta alertan de que, como demostrou a crise da COVID-19, a destrución da biodiversidade e a persecución dunha globalización e un crecemento económicos ilimitados expoñen á humanidade a enormes ameazas.

Así mesmo, insisten en que o rexeitamento ao acordo UE- Mercosur non debe malinterpretarse como unha negativa á cooperación construtiva coa rexión. Esta cooperación debe promover a loita contra a fame, a pobreza e o cambio climático, e fomentar o cumprimento dos convenios laborais da OIT, o respecto dos dereitos humanos, dos dereitos do campesiñado e outras persoas que traballan no medio rural así como a adopción de normativas de benestar animal.

Fonte: No a los TCI

Comments are closed