Nunha entrevista cunha das televisións públicas alemás, o vicechanceler afirma, en relación ás negociacións con Washington, que “nada avanzou” e lamentou que a estas alturas ninguén o queira admitir.
As declaracións de Gabriel -talvez un globo sonda para ver se se produce unha certa reacción pola banda norteamericana- mostran que as expectativas de o acordo vir a ser asinado a finais de ano, xusto coa conclusión da presidencia de Barack Obama, distan moito de seren realistas.
De acordo cunha información publicada por The Independent, na 14 rolda das negociacións -as conversas comezaran en 2013- non se chegou a ningún tipo de acordo nos 27 temas que se submeteron a discusión polas partes.
Sigmar Gabriel ten criticado que os EUA están a formular condicións menos duras co Canadá -co que tamén está a negociar un acordo de libre comercio- do que coa Unión Europea.
O Brexit fixo desaparecer do cenario o actor británico, o máis favorábel na UE ao acordo
Nos últimos meses, o panorama virou pouco favorábel para o asinamento do TTIP. Primeiro, polo Brexit, ao desaparecer do escenario o actor británico, o máis favorábel na UE ao acordo. Segundo, porque Francia mantén a posición contraria á entente transatlántica nos termos negociados até o momento e así no comezo do mes de xullo o secretario de Estado francés do Comercio Externo, Mathias Fekl, xulgou “imposíbel” o fechamento do acordo no que fica de ano.
A oposición popular ao acordo cos EUA é moi forte en todo o espazo comunitario. Existe un temor moi estendido a que a súa asinatura contribuiría a igualar á baixa as condicións de vida a ambos lados do Atlántico, con forte afectación para os intereses das clases traballadoras e dos sectores produtivos europeus.
Fonte: http://www.sermosgaliza.gal