Os nove tratados que a UE quere aprobar este ano e que cambiarán as nosas vidas

A campaña contra os Tratados de Comercio e Investimento, formada por máis de 30 organizacións da sociedade civil, presentouse onte cun obxectivo fundamental: que se coñezan e se discutan publicamente os distintos acordos cos que a Unión Europea quere profundar a súa política comercial.

34333407223_dab00f5591_k

Pablo Elorduy

Nove tratados en marcha, un por definir e un tribunal para dominalos a todos e volver lexitimar aos deostados mecanismos privados de arbitraxe. A Unión Europea acelerou as negociacións de acordos comerciais e o seu brazo armado, a Comisión Europea, afinou as cordas para que os debates pasen desapercibidos á opinión pública europea e, mesmo, aos parlamentos nacionais e federais.

A campaña Non aos Tratados de Comercio e Investimento presentouse onte, 19 de xuño en Madrid, para denunciar a súa preocupación pola ofensiva liberalizadora que a Unión Europea ten desenvolvido en 2018 e poñer en marcha un espazo unitario de información e mobilización contra “o modelo comercial nos que se fundamentan estes tratados”.

Decenas de organizacións sociais, ecoloxistas e de consumidores, entre as que están Comisións Obreiras, UXT, Greenpeace e Ecoloxistas en Acción, foron as primeiras en adherirse a un manifesto co que se pretende revitalizar a loita contra os acordos comerciais, despois do éxito da campaña contra o TTIP e o tratado con Canadá, CETA, que, con todo, non puido impedir que este entrase en vigor en setembro de 2017, a pesar de non ser ratificado —aínda—por todos os parlamentos nacionais da UE.

España foi un dos puntais dos acordos alcanzados ata agora. O Congreso e o Senado ratificaron o acordo con Canadá, e o rolete do PP, PSOE e Cidadáns fai previsible que o Goberno de Sánchez non se desvíe da folla de ruta marcada pola Dirección Xeral de Comercio de Cecilia Malmström. Aínda así, a campaña Non aos Tratados Comerciais e Investimento reclama un “debate parlamentario e público” antes do 26 de xuño, cando se debe producir a reunión de Consello da UE para dar o visto e prace ao tratado con Xapón.

CETA

A pesar de que o acordo xa se está a aplicar, quedan incógnitas en torno ao tratado con Canadá. En España, está pendente un recurso de constitucionalidade sobre o CETA que pasará esta semana polo rexistro do Congreso dos Deputados, segundo anunciou onte Unidos Podemos na rolda de prensa da campaña contra os tratados.

O novo executivo italiano, por boca do seu ministro de agricultura tamén ameazou con facer naufragar o acordo con Canadá. O camiño cara á súa ratificación é complexo e, desde a campaña Non aos Tratados de Comercio e Investimento, confían en que se reverta a activación provisional que a Comisión Europea conseguiu tramitar no outono de 2017. O vindeiro martes ten lugar tamén a primeira audiencia do Tribunal de Xustiza da UE para analizar se o tribunal de arbitraxe incluída no CETA é compatible co dereito comunitario.

Tratado UE-Xapón (JEFTA)

É un dos tres tratados cuxa fase de negociación concluíu xa. Acordouse sen deliberación previa con organizacións sindicais e cun movemento táctico por parte da Comisión Europea e Xapón que quitou lastre ás discusións: ao prescindir dos polémicos tribunais de arbitraxe privados ( ISDS), a negociación puido concluír en decembro de 2017.

Trátase dun acordo que a Comisión Europea ten categorizado como de “competencia exclusiva” da UE, o que impide que os 30 parlamentos nacionais e rexionais dos países membros da UE poidan votalo, a pesar de que terá impacto sobre políticas como a contratación pública e os servizos ou os sectores como o agrícola e o metal. A datas crave son o 26 de xuño, cando o Consello da UE daría aprobación á tratado UE-Xapón para que poida ser asinado o 11 de xullo.

Tratado UE-Singapura

Outro tratado concluído e a falta de firma. É un acordo de calado xa que Singapura é, de facto, un paraíso fiscal e unha peza crave no transporte comercial marítimo mundial. É un espello do Jefta en canto a que foi considerado de “competencia exclusiva” da UE e por tanto non será ratificado polos Gobernos europeos se non se produce unha contestación da sociedade civil. Con Singapura negociouse un tratado comercial que non pasará polos parlamentos nacionais e outro sobre a protección do investimento que inclúe un apartado para a instauración de tribunais de arbitraxe ( ISDS), o que pode demorar a súa aplicación.

Tratado UE-Vietnam

Moi similar á situación do tratado con Singapura. A UE quere ratificalo cando antes, aínda que non se descarta a separación dos mecanismos ISDS nun acordo paralelo para non atrasar demasiado a súa firma. Entre os temores da campaña Non aos Tratados de Comercio e Investimento, están as pésimas condicións laborais en Vietnam, que funciona como “ maquila” de China —traballos pouco cualificados e con baixos salarios—, unha controversia que, aseguran, tampouco se resolverá coa ratificación por parte de Vietnam de convenios da Organización Internacional do Traballo. O problema é o modelo de produción e consumo que impón a globalización, afirman desde a campaña.

Tratado UE-México

A Unión Europea e México chegaron a un “acordo político” o pasado mes de abril para “modernizar” o tratado comercial asinado hai 20 anos, aínda vixente. A UE entra no “territorio Trump” nun momento no que se complicou a renegociación do Nafta —tratado asinado entre EE UU, México e Canadá— pola imposición por parte do presidente estadounidense de aranceis sobre aceiro e aluminio aos seus veciños e as políticas migratorias contra os latinos como un dos eixos do seu mandato.

As tensións quedaron patentes no fracasado cume do G-7 en Canadá. Nese contexto, o novo Goberno de México —o país celebrará eleccións o 1 de xullo— terá un pé e medio vinculado á axenda neoliberal da Unión Europea.

Tratado UE- Mercosur

Brasil, Arxentina, Paraguai e Uruguai compoñen Mercosur, a área de desexo da Unión Europea en América do Sur. O acordo está moi avanzado aínda que quedan puntos quentes por resolver. A UE pretende pechalos en xullo. Os principais desacordos están relacionados co tira e afrouxa ao redor da importación e exportación de automóbiles, carne e agro combustibles así como co transporte marítimo.

Tratado UE-Chile

Do mesmo xeito que con México, a UE pretende actualizar o acordo vixente con Chile desde o ano 2000. O 13 de xuño, o Parlamento Europeo instou a que se producise esa actualización antes do final da lexislatura, algo bastante inviable. A resolución produciuse unha semana despois da terceira rolda de negociacións co país do Pacífico.

Tratado UE-Australia e Nova Zelandia

Nestes últimos días, a comisaria Malmström viaxou a Australia e Nova Zelandia para reunirse coas súas contrapartes e inaugurar as negociacións de tratados comerciais similares ao CETA ou JEFTA. Considerando os intereses destes países para exportar máis carne e recursos naturais como carbón ou uranio, podería agravar moitos problemas xa existentes nestas áreas.

Tratado UE-Reino Unido

O labiríntico proceso de saída de Reino Unido da Unión Europea despois do Brexit debe dar lugar a un acordo comercial na liña marcada polo CETA. A batalla comercial establecida por Estados Unidos mediante os aranceis ao aluminio e o aceiro pode decantar a firma dun tratado que, ou ben profunde na visión neoliberal do multilateralismo e deixe en papel mollado as promesas de relocalización do traballo que fixeron os partidarios do Brexit, ou que se base nas promesas dunha reconsideración da política comercial do país anglosaxón realizadas polo líder laborista Jeremy Corbyn. As negociacións do Brexit mostran que tanto o librecambismo da UE e o mal entendido proteccionismo de Trump perseguen un obxectivo común de mercantilización.

O Tribunal Multilateral de Investimentos

O diagnóstico da Comisión Europea nas negociacións con Canadá, Estados Unidos e Xapón foi claro: os tribunais privados de arbitraxe ( ISDS) espertan oposición política e son un escollo a miúdo insalvable, xa que o seu rexeitamento por parte da opinión pública vai en aumento. En xaneiro, a campaña contra os acordos comerciais entregou ao Ministerio de Economía e Competitividade 417.000 firmas contra o sistema de arbitraxe de investimento.

O rexeitamento popular ao TTIP e CETA e a negativa de Xapón a asinar o JEFTA e a modificar o sistema ISDS, levou á Comisión Europea a activar un Tribunal Multilateral de Investimentos ( MIC), que só permitiría interpoñer demandas aos investidores. A Comisión espera que a Comisión das Nacións Unidas para o Dereito Mercantil ( UNCITRAL) aprobe o comezo das negociacións antes do final da actual lexislatura europea.

Tratado sobre a Carta da Enerxía

España é un dos países do mundo máis demandados ante os tribunais de arbitraxe ISDS. O Estado arríscase a ter que compensar a multinacionais e fondos de investimento por unha cantidade de 7.565,8 millóns de euros. As 40 demandas de arbitraxe contra España baséanse no Tratado sobre a Carta da Enerxía, un acordo internacional moi pouco coñecido e asinado en 1994 que garante aos investidores amplos dereitos para demandar cando consideran que as medidas tomadas por un goberno afectan as súas ganancias. Por iso, a campaña Non aos Tratados de Comercio e Investimento demandou do novo goberno do PSOE que España se retíredeste tratado como fixo Italia en 2015.

Fonte: El Salto Diario

 

Comments are closed