Por UGT | 28-4-20
UGT esixe a saída de España do tratado da carta da enerxía
A coordinadora da campaña “NON Aos TRATADOS DE COMERCIO E INVESTIMENTO”, da que forma parte a Unión Xeral de Traballadores (UGT) instou aos seus membros para apoiar unha carta dirixida ao Goberno español, que inclúe a esixencia da saída do noso país do tratado da carta da enerxía.
Este tratado é un acordo multilateral de investimentos que se circunscribe ao sector enerxético e que conta cun sistema de arbitraxe “investidora-estado” que permite a investidores e empresas multinacionais demandar a estados ante tribunais privados de arbitraxe que se sitúan por encima da soberanía xurídica dos propios estados e, na practíca, atenden de forma maioritaria os intereses destas corporacións económicas, podendo afectar gravemente coas súas resolucións a capacidade política e económica dos estados. Este tipo de tribunais, coñecidos polas súas siglas en inglés como ISDS, como UGT veu denunciando en numerosas ocasións, representan un grave ataque á democracia pola súa falta de xustiza, independencia e transparencia. Por fortuna, cada vez é maior o número de organizacións e partidos políticos que cuestiona o papel, funcionamento e a existencia destes pseudotribunais.
España é o país da UE máis afectado polas arbitraxes deste tratado (cuxos laudos se sitúan por encima de sentenzas dos máis altos tribunais do noso país, o tribunal supremo e o tribunal constitucional). Das máis de cincuenta demandas que España afronta ante instancias internacionais de arbitraxe, corenta e cinco presentáronse baixo o tratado sobre a carta da enerxía e, como resultado diso, o noso país xa foi condenada a pagar máis de 700 millóns de euros produto destas demandas. O resto de casos pendentes poderían representar un monto de máis de 6.000 millóns de euros, o que supón máis do dobre do orzamento para educación do estado español.
As alternativas para evitar este tipo de denuncias que expuxo o Goberno non conseguiron evitar a proliferación de novas denuncias, a maior parte delas produto das modificacións normativas respecto as enerxías renovables do ano 2013. Por tanto, a única solución para evitar este ataque tanto á democracia, como o saqueo ás arcas públicas por parte de corporacións económicas é a saída do tratado, tal como fixo Italia hai 5 anos.
Por esta razón, UGT súmase á petición ao Goberno de España para que, coa saída do tratado, antepoña a defensa da nosa soberanía política, xurídica e económica, así como para que desta maneira protexa a capacidade do noso país para afrontar as reformas estruturais necesarias para un futuro modelo económico sostible social e medioambientalmente.
Fonte: Bilaterals